27/10/2011

Comunicado




Comunicado despedida 15M.



Na xuntanza do domingo 16 de outubro da Comisión de Acción, decidiuse por unanimidade disolver a mesma e escindirnos do “movemento 15M” en bloque. Esta decisión xurde tras diversos debates internos e non supón un acontecemento feliz para nós, de feito, somos moi conscientes de que se non fora pola acampada e o 15M non se tería formado un grupo con tan boa cohesión como a nosa.
Isto supón o inmediato borrado de actas, blogs e páxinas en Internet relacionadas coa comisión e a nosa desvinculación das asembleas e xuntas de comisións do 15M de Vigo.

Os argumentos que nos levaron a tomar esta decisión foron:


1. A ambigüidade ideolóxica e o populismo do 15M Vigo, chegando a tomar decisións como as de non apoiar accións antifeixistas, por exemplo. Esta cuestión, máis que engadir xente á nosa causa, afastouna e deixa a porta aberta a indesexables da política.


2. A excesiva legalidade e pacifismo en decisións e accións, cousa que limita un movemento que se considera revolucionario, e máis aínda á comisión de acción. Un exemplo disto foi o apoio á criminalización de compañeir@s tralo acontecido en Barcelona, ou a intención de aillar e sinalar a persoas que, según o 15M, actuasen de xeito violento nas manifestacións.


3. A progresiva censura das ideas e documentos de ideoloxía esquerdista ou anarquista, non aplicada sen embargo a outras correntes políticas. Podemos citar aquí o acontecido cuns panfletos que informaban sobre uns feitos (sen facer apoloxía de ningún partido, nin sindicato) e que estaban firmados cunha A, que foron inmediatamente retirados. Non aconteceu así cuns periódicos de extrema dereita, nos que, entre outras cousas, negábase o holocausto, que estiveron na farola a disposición de todo o mundo durante días.


4. A práctica antidemocrática na toma dalgunhas decisións, así como na rotación de funcións, semellando ás veces a existencia dunha vangarda decisoria.


5. Dende o principio, 15M Vigo non fomos tod@s, é máis, houbo quen se apropiou do movemento, chegando a decidir quen pertencía a el e quen quedaba fora, como se 15M fose unha marca rexistrada que só pertence a uns poucos con determinadas ideas.


6. Moitas veces actuouse en contra de acordos asemblearios, podendo citar a modo de exemplo as asembleas nas que se trataron de definir os obxectivos do movemento, sendo estes claramente anticapitalistas, e que foron totalmente ignorados. Outras tantas veces, actuouse sen ter chegado a ningún acordo en asemblea.


7. Decatámonos de que non temos os mesmos inimigos: partidos políticos, xuíces, a gran industria e as finanzas, electoralismo, capitalismo, feixismo, os medios de represión e manipulación do estado (policía, prensa,…)


8. A incuestionabilidade dunhas bases que non se sabe de onde saíron, como o pacifismo extremo, o asindicalismo, a prohibición de bandeiras e símbolos,…


9. Despois de tantos meses, séguese debatendo moito e facendo pouco, perdendo moito tempo nas asembleas falando de temas secundarios.


10. O menosprezo da lingua galega ou da ideoloxía feminista, quedando estes fóra de prácticamente todas as asembleas, comunicados, consignas,...


11. Tendo en conta o carácter revolucionario doutras experiencias como a de Grecia ou Chile, parécenos que a indignación do 15M Vigo é de risa, tendo moito máis de contrarrevolucionaria que de revolución real.


A pesar de todo isto, vámonos con experiencias positivas xurdidas a partir do 15M: a xente que coñecimos, as asembleas populares nas rúas, o aumento do debate social,… Ademais, seguiremos participando nas convocatorias de manifestacións e naquelas accións coas que nos sintamos indentificad@s. Esperamos vernos próximamente no mesmo lado da barricada.



Pola destrución de todo o que nos oprime.
Pola construción dun mundo sen autoridade.
Colectivo Orballo.