05/10/2010

Pazo de Meirás, Devolución XA!!!





O proceso para conseguir a devolución do pazo de Meirás non pode ter como protagonista unha asociación ou movemento, senón que debe ser o conxunto do pobo quen participe e recupere o pazo para uso público.

En calquera país democrático de Europa, cando morre un ditador –como Hitler ou Mussolini– as propiedades que conseguiron no exercicio do poder pasaron ao Estado. Aquí non se fixo así e levamos 30 anos de retraso porque a chamada transición deu un trato privilexiado á familia do ditador.

A dona do pazo, Carmen Polo, recibiu, nesa época, unha pensión anual de 12,5 millóns de pesetas (8 cobraba, daquela, o Presidente de Goberno, Felipe González).

Debes saber que o Pazo de Meirás non foi un agasallo do pobo a Franco, como difundiu durante anos a propaganda da Ditadura, senón que foi adquirido ós herdeiros de Dona Emilia Pardo Bazán a través dun auténtico “imposto revolucionario” que se lle cobrou ós traballadores e funcionarios, descontando unha cantidade das súas nóminas, utilizando todo tipo de coaccións e chantaxes.

Posteriormente, a extensión do pazo de Meirás foi ampliada ate 10 hectáreas a través dunhas expropiacións, sen garantía legal, e utilizando todo tipo de coaccións sobre as familias, que foron levadas ante o notario en carros militares, para formalizar o cambio de propiedade.

Aparte dos moitos obxectos que houbo no pazo cando se mercou, que desapareceron, e da queima de libros da biblioteca de Pardo Bazán, durante moitos anos realizouse un auténtico espolio de patrimonio público, levándose ao pazo numerosos obxectos procedentes doutros edificios e propiedade públicas. Así, se levaron as pedras do Pazo de Bendaña, figuras da capela, escudos, gravados, etc. Recentemente, dezaoito asociacións do Concello de Dodro reclamaron a devolución do roubado. 

Por outra parte, no documento de aceptación, que foi asinado polo ditador o 5 de decembro de 1938, figura que a chamada “doazón” está feita ao xefe do Estado e non a Franco a título persoal. Morto o ditador, acabada a Ditadura, o Pazo de Meirás debe volver ó patrimonio público.

A declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural é un paso adiante, así como a súa apertura ao público, pero debe continuar a mobilización cívica até conseguir a recuperación do pazo de Meirás ao patrimonio público.



Sem comentários:

Enviar um comentário